A economía mundial atravesa unha crise sen precedentes na historia recente. Unha crise que comezou a mediados de 2007 como consecuencia das chamadas hipotecas subprime nos EE.UU., pero que se deteriorou de xeito profundo e acelerado a partir de setembro de 2008 cando foi necesaria a acción concertada das principais economías desenvolvidas para evitar o colapso do sistema financeiro mundial. A inestabilidade resultante no sistema financeiro está tendo un impacto profundo e negativo sobre a economía real, ao limitar a empresas e fogares o acceso ao crédito para desenvolver a súa actividade económica habitual.

A economía española foi especialmente sensible a este desfavorable contexto internacional. Trátase da segunda economía máis aberta entre as europeas, tan só por detrás de Alemaña, e realizou un intenso proceso inversor nos últimos anos que provocou un elevado déficit exterior, coa conseguinte necesidade de financiamento exterior. Esta situación vese agravada polo axuste profundo que vive o sector inmobiliario.

Como resultado da súa dependencia exterior, a economía española, e en especial o mercado laboral, deteriorouse de forma moi importante ao longo de 2008. O número de desempregados creceu en preto de un millón de traballadores e a taxa de paro supera o 17% da poboación activa. A recuperación do emprego é, polo tanto, o noso principal obxectivo para 2009: o do Goberno e o de toda a sociedade.

O Plan E

O Goberno español asumiu desde o primeiro momento a súa responsabilidade para responder ao deterioro da situación económica e foi dos máis activos facendo fronte ao brusco cambio de ciclo que se produciu. Ao tempo que adoptaba as primeiras medidas, o Goberno promoveu unha resposta internacional coordinada, consciente de que a crise global require unha resposta global.

As medidas de política económica adoptadas na lexislatura anterior situaron o Goberno nunha mellor situación para responder á crise. Así, os tres anos consecutivos de superávit orzamentario permítennos agora incorrer en déficit sen pór en risco a credibilidade das finanzas públicas; a entrada en vigor de novas políticas sociais (como a axuda por nacemento) e rebaixas fiscais (tanto no IRPF como no Imposto de Sociedades) permítenlles ás familias unha maior renda dispoñible e ás empresas mellorar a súa competitividade.

Pero, ademais, ao longo de 2008 adoptáronse preto de 80 medidas que constitúen o Plan Español para o Estímulo da Economía e do Emprego, tratándose do maior impulso público á actividade económica da nosa democracia.

O Plan E consta de catro eixes de actuación. Medidas de apoio a empresas e familias; de fomento do emprego; medidas financeiras e orzamentarias; e, por último, medidas de modernización da economía.

O Goberno ten o propósito durante os vindeiros meses de pór en marcha e xestionar integramente o conxunto de medidas que contén o Plan E, mantendo para isto un diálogo permanente cos interlocutores sociais e outros grupos políticos. Porque cremos firmemente que, co seu desenvolvemento, se loita contra a crise apoiándonos nas fortalezas da economía e superando as súas debilidades. É a forma de protexer aos que sofren as consecuencias da crise, de reactivar o crecemento do emprego e de modernizar a nosa economía.

Medidas de apoio ás familias

O Plan E articula unha serie de medidas fiscais que supoñen un apoio directo para as familias, permitíndolles dispor dunha maior renda dispoñible para afrontar a actual situación económica de dificultade. En conxunto, estímase un impulso fiscal total de 14.000 millóns de euros entre 2008 e 2009. Ademais das actuacións orzamentarias, que mellorarán a protección social das familias en 2009, hai que salientar para aquelas familias que perdesen o seu emprego a posibilidade de que poidan pospor o pagamento da súa hipoteca durante os próximos dous anos.

Medidas de apoio ás empresas

O Plan E constitúe un esforzo sen precedentes de apoio ás empresas e, moi especialmente, ás PEMEs. En primeiro lugar, mediante medidas de carácter fiscal, que permitirán liberar recursos a favor das empresas por un importe total de 17.000 millóns de euros e, en segundo lugar, ampliando os instrumentos dispoñibles de carácter financeiro para facilitar o acceso ao crédito das empresas, destinando 29.000 millóns de euros. Así, as liñas do ICO financian, por primeira vez, o capital circulante das empresas.

Medidas de fomento do emprego

A crise económica, principalmente polo axuste do sector da construción residencial, está sendo especialmente intensa en termos de destrución de emprego. Neste contexto, o Plan E introduce medidas directas de impulso á creación de emprego, entre as que cómpre salientar o Fondo para Entidades Locais e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego, tanto polo volume de fondos que se mobilizan, 11.000 millóns de euros, como pola capilaridade das actuacións que se porán en marcha, que xerarán 300.000 empregos distribuídos por toda a xeografía española.

O apoio á obra pública recollido nestes dous Fondos máis a dotación recollida nos Orzamento do Estado suporá un investimento superior aos 33.000 millóns de euros en 2009.

Este Eixe recollerá todos os avances que no marco do diálogo social se vaian producindo a favor do emprego e a súa estabilidade.

Medidas financeiras e orzamentarias

O Plan E recolle as actuacións que, de maneira coordinada cos países da Unión Europea, se adopten para proporcionarlle liquidez ao sistema financeiro ante as actuais circunstancias extraordinarias de inestabilidade.
As medidas, deseñadas para non lles xerar ningún custo aos contribuíntes, teñen como obxectivo final o reestablecemento da canle de crédito cara ás familias e ás empresas. Ademais, ampliouse a cobertura do Fondo de garantía de depósitos a 100.000 euros por titular e entidade, para reforzar a confianza no sistema financeiro.
No ámbito do orzamento do Estado tamén hai actuacións concretas de austeridade no gasto corrente que acompañan o apoio necesario a empresas e familias.

Modernización da economía

O Plan E complétase cunha ambiciosa axenda de reformas para a modernización da economía. Medidas concretas coas que se mellorará a produtividade de sectores fundamentais como o transporte, a enerxía, as telecomunicacións, os servizos e a administración. Porque incidir na recuperación da produtividade é a mellor forma de recuperar un crecemento duradeiro. Estas medidas son complementarias ás contidas no Programa Nacional de Reformas, a concreción en España da Estratexia Europea de Lisboa para o crecemento e o emprego.

O Goberno tratará de consensuar nunha mesa de traballo con outras formacións políticas as reformas contidas neste Eixe.